O muíño da Agramela: unha oportunidade para o barrio da Agra do Orzán

charlaFuente: EntreNós

Poida que algunhas persoas que hoxe habitan na Coruña descoñezan o que foi o Muíño da Agramela e mesmo, hai quen, sabendo o que foi, non sabe o que pode ser del.
A Asociación Veciñal da Agra do Orzán convidounos o pasado 27 de novembro a unha palestra sobre este muíño.

Marisol Mirás Mouro | Secretaría A.VV. Agra do Orzán

Citámonos alí veciños e veciñas de todas as idades: houbo quen xogara cabo do muíño, quen se resistira e quen presenciara o seu derrubamento; mais tamén houbo mozos e mozas que abraiaron co que alí sentiron; membros do Colectivo 1aun tomaron nota. Dende a mesa, Begoña Bas López e Amelia Gómez Arcas lograron alumar nos nosos corazóns o compromiso de tentar recuperar o muíño da Agramela para o barrio da Agra do Orzán.

Begoña Bas, etnógrafa e profesora universitaria, contextualizou a importancia do muíño. Cómpre un muíño para moer o gran. Os muíños de man abondan para un uso doméstico, mais en canto se formaron aldeas e vilas, e se especializaron os traballos, xurdiron enxeños para transformar en enerxía mecánica a forza da auga (de ríos ou de marés) ou do vento, capaces de moer cantidades máis grandes de gran.

Xa en tempos medievais e modernos, A Coruña era unha cidade dun tamaño importante e aberta ao mundo polo seu porto: había que moer para a veciñanza, para os vindeiros e para exportar. A Coruña non tiña ríos de caudal suficiente e constante para mover a nora dun muíño hidráulico, mais si tiña e ten vento.

Begoña foinos mostrando textos históricos e gravados que manifestan a relevancia dos muíños de vento na cidade da Coruña. Explicounos algo sobre o importante que é peneirar as fontes históricas; poñamos por caso: algúns dos gravados que representan os muíños da Coruña, foron feitos por artistas que non estiveran na cidade e que a representaron polo que lles contaran, por iso, se o artista era holandés, pintaba un muíño como o que el coñecía, de tipo holandés, mais é demostrable que os muíños da Coruña poderían ser dunha tipoloxía máis propia destes lares. Houbo moitos muíños de vento na Coruña. De feito, dende hai varios séculos, A Coruña aparece representada nas pinturas, gravados e relatos de visitantes polo faro e os muíños de vento.

Vento A Coruña A Gramela 1O faro vaise salvando. U-los muíños?

O faro é un orgullo e símbolo da nosa cidade, a súa singularidade foi recoñecida mundialmente: é patrimonio da Humanidade. Aínda así, o actual concello considerou que necesitabamos unha marca de identidade e no 2014 ocorréuselle impor como logo da cidade o escudo acompañado dun “c” cun til enriba… Madía leva!

Noutros lugares do mundo tamén houbo muíños e chegaron outras formas de moer, mais conservaron os seus muíños tradicionais quer polo seu interese etnográfico quer por orgullo histórico, para mostrar a propios e a alleos o que o seu pobo fora quen de enxeñar. No entanto, seica os muíños molestaban na Coruña!

O barrio da Agra do Orzán foi entregado polo concello á voracidade dos construtores que, sen planeamento urbanístico que merecese tal nome, foron amoreando edificios: as beirarrúas eran mínimas ou inexistentes, non había prazas nin xardíns, as rúas xurdiron para deixar paso aos automóbiles. Na avenida da Agramela (barbarizada como “La Gramela” para borrar toda memoria, todo vínculo) no cruzamento coa rúa Corcubión, ficaba en pé un conxunto único: a torre dun muíño de vento elevado sobre unha plataforma, a casa do muiñeiro e a horta cunhas froiteiras… Mais, asfixiado polos edificios, sen vento, o muíño xa non funcionaba. As autoridades do concello consideraron que o muíño debía ser derrubado por dificultar o tráfico. Como se o muíño aparecera de súpeto!

Namentres, a veciñanza loitaba por humanizar o seu barrio. Amelia lembrou a dura loita veciñal para conseguir que houbese colexio e instituto, ou centro de saúde próximo; foron os veciños e veciñas quen deseñaron polas bravas a “praza” das Cunchiñas, prantando ilícitamente unhas arboriñas sobre un prédio particular. Por sentido común e sen complexos, a veciñanza percibía que o muíño da Agramela era espectacular e único. Podía convertirse nun lugar de reunión e de aprendizaxe, agrandando a conquistada praza das Cunchiñas.

Nin as demandas veciñais nin os informes de Begoña Bas lograron impedir que no 1984 o concello derrubara o muíño que, segundo consta, xa estaba alí no 1859. Numeráronse as pedras da torre, coma ben que había unha intención de reconstruíla… foi un engano. As pedras estiveron guindadas ao pé dun dos hórreos do monte de Santa Margarida até o 2013. Cando desapareceron de alí, a asociación veciñal presentou varios escritos no Concello para que informasen sobre o paradoiro das pedras e de se, por fin, o rehabilitarían no barrio orixinario, pois se así for, propuxeron localizalo no Campo da Burra, un espazo aínda sen construír, elevado, veríase dende o Orzán, e cabo dos restos do acueduto. O conxunto estaría así nun punto intermedio dun sendeiro urbano da auga na Coruña: partindo da Fonte dos Frades pasaría polo Campo da Burra e continuaría polo Paseo das Pontes… Deste xeito, a rúa do mariño cormelán sería transitada polas crianzas e maiores para coñecer parte da historia, da arquitectura, da enxeñaría… Poderían facerse moendas periódicas (dun cereal non transxénico e sen glute), aulas sobre alimentación natural, medio ambiente, foliadas etc. Pasaran meses sen que o concello respondera; grazas que o BNG levou a consulta ao pleno e así soubemos que as pedras están nun almacén municipal. Aínda ben! Mais, que pensan facer con elas? Por que os rexedores non aproveitan a oportunidade do muíño para o barrio?

Cumpriría que o plan URBAN investise nalgunha das demandas da veciñanza; os fondos FEDER deberían abondar para salvagardar do formigón algún recunchiño do barrio. Antes de que viraran a Praza das Cunchiñas nunha explanada con macetas enriba ao servizo dun aparcadoiro de pagamento, a asociación veciñal propuxo construír un túnel ao longo da avenida das Cunchiñas, talvez modificando algo o acceso ao aparcadoiro da Rolda de Outeiro para habilitar o acceso ao aparcadoiro das Cunchiñas e a saída e unha vía de paso cara á praza do Comercio. Así, na superfície, ampliaríase a praza das Cunchiñas. Mais o concello negou tal posibilidade porque ese túnel custaría dous millóns e non están os tempos… Pouco despois o concello anunciou a faraónica obra do túnel da Mariña. Outra volta, fan falla cartos, si, mais tamén é cuestión de vontades. Vexamos: no monte de Santa Margarida hai un muíño de vento porque se gastaron os cartos en rehabilitalo integramente; a escola-obradoiro fixo un traballo ilusionante; a carón da Casa das Ciencias parece un lugar idóneo para organizar visitas etnográficas… mais o muíño nunca chegou a abrirse. Para que e para quen se fixo ese investimento? A cidadanía pagou para que for posible e ten dereito a coñecer como eran os muíños de vento da Coruña.

Daquela, se xa hai un muíño no monte, para que queremos o muíño da Agramela na Agra do Orzán? Pois porque é noso e porque é unha oportunidade para que un recuncho abandonado vire no parque que non temos. Necesitamos un parque, verde de árbores, non un solo pintado de verde. Non sabemos en que punto está a suposta negociación entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento sobre a cesión do parque do Observatorio. Mais o idóneo sería xuntar ese parque co Campo da Burra e instalar no edificio da rúa Gregorio Fernández, agora abandonado por Sanidade, todos os servizos que o concello tiña previsto situar no eido do Observatorio, con construcións que cementaría o escaso verde que alí aínda pervive. Un espazo de lecer abranguido pola rúa do mariño cormelán e a do escultor sarrián, faría xustiza ao barrio mais populoso da cidade.

O logo da Asociación Veciñal da Agra do Orzán está presidido por un muíño de vento, que sobrevive como bandeira da loita veciñal deste barrio. De feito, a asociación acordou na última asemblea intensificar a loita para recuperar o muíño da Agramela; creouse unha comisión, aberta a todas aquelas persoas que queiran sumar esforzos para que o muíño volte ao seu barrio.
Venham mais cinco!

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s