O concelleiro de Servizos Sociais da Coruña identifica como única solución para as dúas mulleres enfermas en risco de desafiuzamento que se poñan “a buscar unha vivenda barata”

Fuente: STOP Desafiuzamentos A Coruña

Ás 7.30hrs. da mañá de hoxe dous integrantes do STOP Desafiuzamentos A Coruña acompañaron á muller de 33 anos residente nos Mallos que se atopa en risco de ser desafiuzada xunto ca súa nai  a unha reunión co concelleiro de Servizos Sociais. O motivo deste estraño horario foi, segundo nos dixeron onte, que Miguel Lorenzo tiña a axenda moi ocupada. Iso si, de repente deberon de cancelarlle ducias de compromisos, porque vinte minutos despois de que rematara a reunión connosco, baixou xunto co resto de traballadoras a tomar o café, que para almorzar si que é capaz de sacar un oco a horas máis razoábeis…

Nesta xuntanza, dunha hora aproximada de duración, puidemos comprobar como, logo de que pasara máis dun ano dende o caso de Aurelia Rey, e mesmo tras recoñecer o concelleiro de Servizos Sociais que sabe da sentencia emitida recentemente polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos  sobre a obrigatoriedade institucional de proporcionar alternativas habitacionais a quenes están en risco de perder o seu fogar,  a posición de Miguel Lorenzo segue a ser a mesma: rexeitar a posibilidade de xestionar unha vivenda a aquelas persoas que se acoden á concellaría comunicando que van ser desafiuzadas e teñen a rúa  como única alternativa.

Se ben a reunión mantívose nun ton correcto, Lorenzo sinalou como única solución para o caso desta compañeira enferma de fibromialxia e a súa nai –afectada por trastornos psiquiátricos e cun 65% de minusvalía, depende da filla as 24hrs. do día-,  que se poñan pola súa conta a buscar un piso barato. Iso si, como A Coruña é unha das cidades cos alugueiros máis caros do Estado, Lorenzo suxeriulles que se vaian a algún lugar da “área metropolitana” –quizais porque así, con un pouco de sorte para el, acaban noutro concello e xa non dependen da  Concellaría de Servizos Sociais da Coruña…-.

Segundo o concelleiro, no caso de que estas mulleres atoparan unha vivenda “barata”, logo xa se miraría se habería posibilidades de parchear a súa existencia a base de “complementos económicos” desligados entre si, tales como o Banco de Alimentos ou o programa de comida a domicilio, dando por satisfactorias alternativas moi afastadas da estratexia de inclusión social integral que se supón debe de ter un concello en pleno século XXI.

De feito, parece que a Miguel Lorenzo todo lle vale…. Malia a asegurarnos que o Concello só ten unhas 90 vivendas de alugueiro social en toda a cidade dispoñíbeis para este tipo de situacións, e atoparse todas ocupadas neste momento e con lista de espera, remarcou que o orzamento da Concellaría aumentou para as “axudas de emerxencia”, e valorou que a atención ás persoas en risco de exclusión social é totalmente correcta e non están colapsados -pese a haber na actualidade uns 3.500 coruñeses e coruñesas agardando pisos de alugueiro social do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)-. Neste sentido, tamén reiterou que non coñece que exista dificultade ningunha para tramitar a RISGA a quen a pida e cumpra os requisitos. Ámbalas dúas afirmacións falan por si soas do afastado que o señor Lorenzo se atopa da realidade social desta cidade.

Ademais, cando na xuntanza se lle propuxo a opción de constituír un parque de vivendas sociais integrado por parte das 20.000 baleiras neste momento na cidade, tivo a hipocrisía de valoralo como unha boa idea e propoñernos que falemos “con algún partido político” para que leven unha moción ao Concello, como se el mesmo non pertencera ao Partido Popular que goberna na Coruña, e obviando que precisamente o seu partido conta ca maioría absoluta necesaria para aprobar este tipo de iniciativas, así como para rexeitalas cando o propoñen outros grupos políticos locais.

Polo tanto, neste momento, a única alternativa institucional destas dúas mulleres enfermas e en risco de desafiuzamento é agardar pola resolución do IGVS ao respeito da súa solicitude de vivenda pola vía de urxencia, unha alternativa que, lamentabelmente, xa fallou en casos como o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés .

Pola nosa banda, queremos remarcar unha vez máis unha realidade que, por moi obvia que sexa, parece non querer ser recoñecida por persoas como o concelleiro de Servizos Sociais, cargos políticos responsábeis de velar polo cumprimento dos dereitos sociais xestionando os orzamentos públicos: os desafiuzamentos non son inevitábeis, as persoas desafiuzadas non son culpábeis, e hai  construídas vivendas de sobra para cubrir as necesidades  da poboación –a nivel galego hai arredor de  300.000 vivendas baleiras segundo cálculos doInstituto Nacional de Estadística (INE)-.

O problema é que dende as institucións públicas o que se está a protexer non é o dereito da cidadanía a unha vivenda digna -recollido na propia Constitución-, senón á especulación inmobiliaria e financiera argüída por entidades bancarias estafadoras ca connivencia de representantes políticos corruptos enriquecidos á costa da burbulla inmobiliaria.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s